Mexillón de Galicia acode a Aquafuture

A DOP Mexillón de Galicia estará presente os días 28, 29 e 30 deste mes de marzo na feira Aquafuture Spain 23 que se celebra en Silleda.

Esta cita é un espazo de encontro internacional para a industria española vinculada á acuicultura, onde mostrar o seu potencial, calidade e talento. España, e en concreto Galicia, é un dos principais produtores de acuicultura europea, un sector crave na soberanía alimentaria que se atopa sustentado por unha cadea de valor forte, competitiva e altamente tecnolóxica.

Esta feira permitirá aos profesionais coñecer as últimas innovacións tecnolóxicas e estratexias do mercado, sempre baixo o enfoque da sustentabilidade.

Pero ademais, os asistentes poderán coñecer as cualidades que fan único a Mexillón de Galicia. Será o mércores, día 29, a partir das 11 horas, na degustación organizada pola DOP, na que a cociñeira Emma Pinal presentará un menú integrado por “Mexillón de Galicia en escabeche cítrico”, “Croqueta revisada de Mexillón de Galicia” e “Castañas en toffe de licor café”.