Mexillón de Galicia á galega con crema de patacas, o mellor colofón para 2015

A semana pasada, na véspera de Noiteboa, convidabámosvos a que vos puxésedes mans á obra na cociña e convertésedes ao Mexillón de Galicia en protagonista dos vosos menús para esa noite tan especial.

Agora estamos a piques de pechar o ano con outra celebración moi sinalada. E que mellor proposta que despedir 2015 e dar a benvida a 2016 degustando un produto excepcional e único como o Mexillón de Galicia. Ímosvos axudar a que sorprendades aos vosos invitados cunha nova receita: Mexillón de Galicia á galega con crema de patacas.

Esta creación foi presentada no showcooking das xornadas “Mexillón de Galicia. A etiqueta na túa mesa” que desenvolveu recentemente a DOP “Mexillón de Galicia” en colaboración coa escola de hostalería Carlos Oroza de Pontevedra para incentivar o consumo deste bivalvo en Nadal.

 

Mexillón de Galicia á galega con crema de patacas

Ingredentes para dúas racións

-4 unidades de Mexillón de Galicia.

-Para a crema de pataca: 10 gramos de pataca cocida, 10 gramos de nabo cocido, dúas follas de nabo blanqueadas, 50 gramos de nata e 150 ml de auga de cocer os mexillóns.

-Pementón dulce (75%) e picante (25%) mesturado, aceite e sal en escamas.

Elaboración

-Abrir as catro unidades de Mexillón de Galicia ó vapor.

-Misturaremos os ingredentes sinalados para facer a crema de pataca. Unha vez rematada a crema, poñeremos unha pequena cantidade no fondo do prato que servirá de base sobre a que se disporán as viandas de Mexillón de Galicia. Rematar espolvoreando pementón.