Xa non hai escusa para gozar este nadal das cualidades dun produto superlativo como o que está avalado pola marca Mexillón de Galicia.
O cociñeiro Miguel Mosteiro, xunto con Daniel Portillo, volveron a demostraron onte no segundo taller de cociña organizado polo Centro Comercial Arousa as posibilidades que Mexillón de Galicia ofrece para protagonizar un menú de auténtico luxo.
Nesta ocasión, a proposta comezou con Mexillón de Galicia con salsa diabla, continuou con Mexillón de Galicia á mariñeira, e finalizou con Mexillón de Galicia con guacamole e tomatitos encurtidos.
Tres alternativas que se unen ás presentadas a semana pasada, integradas por Mexillón de Galicia con lacón galego e fabas de Lourenzá, humus de Mexillón de Galicia con grisinis de sementes, e wao bao de Mexillón de Galicia con brotes tenros, cebola encurtida e salsa ponzu. Seis receitas en total que evidencian a enorme versatilidade do Mexillón de Galicia, capaz de maridar en perfecta harmonía cos distintos ingredentes cos que se combine e de enxalzar o resultado final de calquera prato do que forme parte.
Como xa ocorreu no primeiro taller, os asistentes recibiron detallada información sobre o que representa Mexillón de Galicia, tarefa da que se encargou Gabriela André, responsable de Promoción e Márketing da DOP Mexillón de Galicia.
André destacou os valores nutritivos do mexillón e os beneficios que reporta o seu consumo, á vez que aclarou aos presentes que non todos os mexillóns son iguais, insistindo en que Mexillón de Galicia é unha marca que ampara a un mexillón producido segundo uns criterios de calidade que garanten ao consumidor tanto a orixe como a excelencia do produto que adquiren.
Nese sentido, subliñou que o selo da DOP que aparece nas distintas presentacións que as marcas comerciais amparadas por Mexillón de Galicia teñen no mercado é a garantía para o consumidor de que realmente está a adquirir o verdadeiro Mexillón de Galicia, un produto único e, por tanto, inimitable.