“Mexillón Challenge” plantexa novos retos para descubrir os valores de Mexillón de Galicia

Converterse nun experto bateeiro e demostrar os coñecementos sobre Mexillón de Galicia son dous dos retos aos que deberán enfrontarse os protagonistas da terceira edición de “Mexillón Challenge”.

Esta acción promocional, que se realiza no marco do convenio de colaboración de Mexillón de Galicia coa Consellería do Mar e cofinanciado pola Unión Europea, tivo dúas edicións precedentes. Na primeira, cinco bateeiros expuxeron diversos retos a outros tantos influencers, entre eles, subirse a unha batea para saber de onde veñen os mexillóns, ir ao mercado para aprender a distinguir o mexillón con DOP do que non o é, ou aprender a limpar e cociñar Mexillón de Galicia.

Na segunda, foron depuradores, elaboradores e conserveiros os encargados de poñer a proba aos influencers que tiveron que elaborar unha receita de Méxillón de Galicia en formato fresco, pasteurizado e en conserva.

Agora, dous coñecidos influencers galegos serán sometidos a unha serie de probas que permitirán, por unha banda, acreditalos como “expertos” bateeiros e, por outra, demostrar os seus coñecementos sobre “Mexillón de Galicia”. Para superar eses retos contarán coa axuda de dous curtidos bateeiros.

O Mexillón de Ouro será o premio para o gañador

O avance desta divertida iniciativa pódese ver no noso Instagram. https://www.instagram.com/mexillondegaliciadop/