Masiva asistencia ao acto informativo contra a mina de Touro-O Pino

O auditorio de Vilagarcía completou onte o seu aforo de 750 butacas durante a reunión informativa organizada polos colectivos que se opoñen ao proxecto de reapertura da mina de Touro-O Pino (encabezados pola Plataforma Mina de Touro-O Pino Non e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) que pretende levar a cabo a empresa Atalaia Mining. O acto forma parte das actuacións previstas antes da manifestación que se celebrará o 10 de xuño en Santiago en contra desa reapertura.

Ángeles Longa Portabales, directora do departamento de I+D da DOP Mexillón de Galicia, Serafín González Prieto, investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, e Gonzalo Rodríguez Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, foron os tres relatores da sesión. Cada un deles, desde as súas respectivas disciplinas, achegaron datos sobre as consecuencias negativas (económicas, ambientais ou sociais) que tería, non só sobre a Ría de Arousa senón tamén sobre a área pola que discorre o río Ulla, a reapertura desa explotación mineira.

Ángeles Longa explicou aos asistentes a situación actual na que se atopa a mina, que foi explotada entre 1976 e 1986 por Río Tinto e cuxos terreos, onde hoxe en día é claramente perceptible a presenza de augas acedas en regatos e cursos fluviais, non foron rehabilitados trinta anos despois de abandonar a súa explotación.

O actual tamaño do xacemento crecerá moi notablemente, ata as 700 hectáreas en principio, e as actividades de extracción requirirán explosións así como do uso de materiais para o tratamento do mineral, algún dos cales é sospeitoso de producir cancro.

Sobre este aspecto incidiu Serafín González, quen dixo que as fichas de seguridade química internacionais sinalan o potencial perigo dalgúns dos elementos que se van a utilizar. Así mesmo informou sobre a presenza na zona de concentracións de metais pesados moi superiores ao permitido e lamentou que eses datos non aparezan no informe de impacto ambiental do proxecto, un documento que cualificou de “moi pobre”.

Outro dos riscos estaría vinculado á posibilidade de rotura das balsas onde se acumulan os residuos. “No mundo, rompen dúas ou tres ao ano”, exemplificou González.

Pola súa banda, Gonzalo Rodríguez dirixiu a súa intervención a ilustrar a relevancia económica do sector agroalimentario, no que se atopan as actividades vinculadas ao mar, no tecido económico de Galicia. Rodríguez situou a ese sector, xunto ao do automóbil e ao téxtil como os alicerces sobre os que se asenta a nosa economía. Fronte a eles, as industrias extractivas, que en Galicia son as ligadas fundamentalmente ao granito e á pizarra, ocupan apenas a 4.000 traballadores.

“O mar un elemento tractor da nosa economía, os seus efectos repercuten positivamente noutras actividades, que van desde o comercio ata a prestación dos servizos máis variados. E sobre todo é unha fonte de riqueza que se renova, que está agora e seguirá aí. Non é perecedoira, como a minería”, sinalou González, quen fixo igualmente mención ao valor engadido que achega o mar en Galicia desde o punto de vista cultural, identitario ou turístico.

A sesión informativa contou tamén coa presenza de membros da plataforma Mina de Touro-O Pino non e que, ademais, son veciños da área que estaría directamente afectada. O seu portavoz agradeceu o apoio recibido e alertou da ruína que supoñería este proxecto, non só para eles senón tamén para a Ría de Arousa. Por iso, fixo un chamamento á participación masiva na manifestación do 10 de xuño.

Tamén acudiron alcaldes de diversas localidades que xa mostraron o seu apoio aos colectivos que se opoñen á mina a través de mocións aprobadas polas súas corporacións e representantes políticos de diversos partidos.

A foto que ilustra esta información é de Mónica Irago, La Voz de Galicia.