Mañá, xornada final do proxecto Momento no que participa Mexillón de Galicia como socio estratéxico

Mañá, ás 17 horas, investigadores, mitilicultores e técnicos reuniranse na sede de Mexillón de Galicia en Vilagarcía de Arousa para a xornada final do proxecto MoMeNTO, onde se presentarán os resultados desta iniciativa pioneira que controla en tempo real a saúde do mexillón na batea, axudando a anticipar situacións de tensións e a tomar decisións máis intelixentes na xestión dos cultivos.

MoMeNTO é un proxecto que se desenvolve coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA). Está liderado polo CSIC, coa participación do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM‑CSIC) de Vigo e o Instituto de Ciencias do Mar (ICM-CSIC) de Barcelona. Ademais conta co Consello Regulador do Mexillón de Galicia, como socio estratéxico que achega experiencia sectorial e a colaboración da Federació Productors de Molluscs Delta de l’Ebre (FEPROMODEL), representante do sector mitílicola no Mediterráneo. Esta colaboración multidisciplinar permitiu integrar coñecementos científicos e prácticos do sector para desenvolver ferramentas adaptativas.

Durante o proxecto, os equipos de MoMeNTO combinaron a investigación en laboratorio e en campo coa colaboración directa do sector mitílicola. No laboratorio, analizáronse as respostas do mexillón a diferentes condicións térmicas utilizando sensores avanzados, mentres que nas bateas das Rías Baixas e do Delta do Ebro probouse a tecnoloxía en situacións reais de cultivo. Ademais, organizáronse talleres e reunións con produtores locais para deseñar ferramentas adaptadas ás súas necesidades e mellorar a xestión dos cultivos de forma sostible e eficiente.

Entre os logros máis destacados inclúense o desenvolvemento de indicadores de tensión térmica baseados no comportamento das valvas dos mexillóns, a identificación de limiares críticos de temperatura e a proposta de ferramentas de xestión adaptativa que facilitan a toma de decisións baseada en datos reais. Todo iso permitirá aos produtores anticiparse a riscos e optimizar a produción de maneira máis sostible.

A xornada final de MoMeNTO está aberta a todos os interesados na innovación acuícola e o futuro do cultivo de mexillón, e espera que sirva para intercambiar experiencias, debater sobre aplicacións prácticas e explorar novas oportunidades para a xestión do sector fronte ao cambio climático.