Lina Solla, nova presidenta de Mexillón de Galicia

Lina Solla Sanmartín é a nova presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia tras a constitución do novo pleno celebrada esta tarde. Substitúe no cargo a Francisco Alcalde, que estivo á fronte da DOP durante o últimos once anos. O acto, que se desenvolveu respectando as normas de aforo e distancia social esixidas polas autoridades sanitarias, foi presidido pola conselleira do Mar Rosa Quintana.

O máximo órgano da DOP xurdido do procesos electoral estará presidido por primeira vez na súa historia por unha muller, á que acompañarán 12 vogais de entre as persoas físicas ou xurídicas integradas nas candidaturas pertencentes aos censos de produtores, transformadores e depuradores.

Os seis vocais do subsector produtor son Angélica Vázquez Nauss (Opmega), Esteban Fernández Casal (Amegrove), José Manuel Fernández Muñiz (APM Barbanza), José Manuel Oubiña Rial (APM Illa de Arousa), Juan Ramón Piñeiro Figueira (Opmega) e Francisco Antonio Alcalde García (Opmega).

Os tres representantes dos transformadores son Conservas Antonio Alonso SA, Calvo Conservas SLU e Escuris SL. Pola súa banda, a representación dos depuradores exercerana Depuradora de moluscos A Sirena (Linamar SL), Pescadona SA e Mariscos Antón Fernández SLU.

A elección de Solla como presidenta deixa vacante unha vogalía do sector depurador, que debe ser ocupada no próximo pleno polo primeiro suplente desa candidatura, neste caso Vengarco SL.

Ademais, durante a constitución do pleno foron elixidos os dous vicepresidentes do Consello Regulador. Francisco Alcalde ocupará a primeira vicepresidencia e Iván Alonso a segunda.

Na súa intervención xa como máxima responsable da DOP, Lina Solla mostrou a súa satisfacción polo grao de consenso alcanzado polo sector ao redor da súa figura para presidir a DOP, así como polo agarimo recibido.

Tras agradecer o traballo realizado polo seu antecesor, a presidenta adiantou algunhas das liñas que rexerán a súa xestión. “Temos o mellor mexillón, pero quizá non se valora o suficiente. Hai que cambiar esa percepción e debemos facelo entre todos. Quizá haxa que producir mellor e, sobre todo, non ser egoístas e pensar no ben colectivo”. Nese sentido fixo un chamamento ante os presentes para reforzar a DOP. “Todos temos que estar no selo. Temos o mellor mexillón do mundo e temos que vender o mellor mexillón do mundo”. Nesa tarefa solicitou igualmente o apoio da Administración.

Pola súa banda, Francisco Alcalde despediuse manifestando a súa satisfacción polo traballo realizado, instando o sector a seguir traballando pola DOP. “Sen DOP non temos futuro”, dixo.

A conselleira do Mar pechou as intervencións felicitando á presidenta e comprometendo o seu apoio para esta nova andaina que agora se inicia. Rosa Quintana celebrou o consenso logrado para a elección de Solla. “Alcanzar ese acordo é un paso enorme. Se se foi capaz de conseguilo e os membros do pleno teñen o obxectivo de colocar a Mexillón de Galicia no lugar mundial que lle corresponde, o éxito está garantido. Haberá que arrimar o ombreiro, pero terán o apoio da Administración”.