Lina Solla interveu na conmemoración do Estatuto de Autonomía

A presidenta do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Lina Solla Sanmartín, interveu esta mañá na xornada “40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia. Catro décadas de autogoberno. A igualdade, un camiño sen retorno”, celebrada no Parlamento de Galicia.

Solla subliñou o enorme logro colectivo que representa o Estatuto como norma institucional básica da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre o que se foi construíndo o sistema de dereitos, deberes e liberdades que integran o noso actual modelo de convivencia.
Lembrou a gran actividade daqueles tempos, propia dunha fase de enormes transformacións como as que estaban en curso. Un período de dificultades, pero tamén de ilusión e esperanza por ese novo país que se comezaba a construír.

Nese contexto, mencionou os seus inicios como empresaria. “Comecei nun pequeno local cun teléfono. Decidín vincular o meu futuro ao mar, e máis concretamente ao mexillón. É certo que coñecía o escenario, pero partía de cero e nun sector eminentemente masculino. Algo que non me desanimou. Estaba decidida a conseguir o meu obxectivo e a base de tesón, loita, o alento da miña familia e o apoio do magnífico grupo humano que me acompañou todos estes anos fun capaz de sentar as bases do que hoxe é a miña empresa, Linamar”.

A súa condición de muller non resultou un inconveniente para desenvolver o seu proxecto_ “quizá o meu carácter claro e directo axudase”, sinalou_, así como alcanzar a presidencia do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia. “Esta responsabilidade non entraba nos meus plans, pero acepteina polo grao de consenso alcanzado cara á miña persoa por produtores, depuradores e transformadores”, precisou.

A procura da excelencia foi o camiño seguido durante todos estes anos. “O respecto e a credibilidade gáñanse coa excelencia e para alcanzala é necesario un discurso diverso, que inclúa voces de mulleres e homes en igualdade. E por iso na miña empresa os postos de responsabilidade ocúpanos indistintamente mulleres ou homes. A única condición que deben cumprir é ter a capacidade necesaria para o cargo para o que foron designados”.

Solla sinalou como no sector do mar, cun marcado acento de muller desde fai xeracións, os cargos de dirección e a toma de decisións seguen maioritariamente en mans de homes. Por iso reclamou cambios, algúns dos cales xa están en marcha. “O liderado de “ordeno e mando” perde vixencia en favor doutros modelos. A estrutura vertical e xerárquica está a deixar paso á horizontalidade derivada dunha nova distribución do poder que se manifesta na creación de equipos autónomos e transversais onde as mulleres atopan espazos que antes lles eran negados. Atopámonos por tanto ante un novo escenario que confirma dúas cousas: que o mundo está a cambiar e que mellora cando as mulleres teñen a oportunidade de gobernar en el”.