O prestixio alcanzado por Mexillón de Galicia levoulle a lograr un novo fito: converterse en provedor de Inditex, unha empresa galega cunha dimensión nacional e internacional dabondo coñecida, o que permitirá aos seus traballadores gozar nos seus menús do mellor mexillón do mundo.
Esta relación adquire unha gran relevancia para a DOP por varias razóns. En primeiro lugar porque ratifica a constante senda de crecemento experimentada por Mexillón de Galicia, como o demostran as máis de cen marcas que neste momento operan co noso selo. En segundo, porque referenda a calidade que representa o noso selo, un aspecto crave que Inditex tivo moi en conta ao optar por Mexillón de Galicia. E en terceiro lugar, polos esixentes requisitos que rexen o funcionamento do seu comedor, polo que pasan diariamente más de 4.000 persoas nos seus emprazamentos de Arteixo e Narón.
A empresa desenvolveu o concepto denominado “comedor 360 graos” que se fundamenta na utilización de produtos de proximidade (coñecidos tamén como provedores quilómetro 0) e cuxa obtención sexa respectuosa co medio ambiente. Estes dous requisitos cúmprense á perfección no caso de Mexillón de Galicia, por canto é un alimento que se cultiva nas rías galegas. E as fases de cría e desenvolvemento do mexillón previas á súa extracción da batea son procesos totalmente naturais. Durante ese período, os nutrientes que necesita o mexillón para o seu crecemento proveñen exclusivamente da riqueza en fitoplancto das augas, sen que exista ningunha achega externa. Ademais como actividade sustentable que é, o cultivo de Mexillón de Galicia foi capaz de xerar ao longo dos anos un sector economicamente viable e socialmente equitativo.
Ao anterior hai que engadir que Mexillón de Galicia garante un alimento extraordinario desde o punto de vista nutricional, baixo en graxas e con alto contido de proteínas, Omega 3 e fonte natural de vitaminas e sales minerais.
Con este acordo, o mexillón con DOP únese á relación de alimentos de calidade que integran os menús que Inditex ofrece aos seus traballadores, na que están presentes pescados frescos, carnes de razas autóctonas e produtos da horta, como froitas ou verduras, todos eles producidos seguindo métodos respectuosos co medio ambiente.
Outros criterios para ter en conta no funcionamento deste comedor 360 graos son o coidado sobre o impacto ambiental e o control dos desperdicios que xera. Froito de todo ese traballo, en apenas un ano de funcionamento, este comedor conseguiu a certificación Ledd Ouro, que recoñece a súa eficiencia enerxética e a integración de enerxías renovables, así como o recoñecemento da asociación gastronómica Slow Food, como restaurante “quilómetro 0”. Trátase do primeiro gran comedor de empresa en Europa que logra estas distincións.