A exposición fotográfica “Mexillón de Galicia” foi inaugurada onte na Casa de Galicia de Madrid, onde permanecerá ata o 30 de abril.
O acto contou coa presenza do presidente do Consello Regulador da DOP, Francisco Alcalde, do director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, Ignacio Gandarias, do coordinador de actividades da Casa de Galicia en Madrid, Ramón Jiménez, de Xurxo Lobato, autor das fotografías e do audiovisual que integran a mostra, de representantes do sector do mexillón e da industria, como Alberto Encinas e Aurelio Barrena, director xeral e director comercial respectivamente de conservas Calvo, e de personalidades do mundo da cultura.
Nas súas palabras de benvida, Francisco Alcalde mostrou a súa satisfacción pola presenza en Madrid desta exposición que, tras percorrer algúns dos museos máis importantes de Galicia, onde foi vista por máis de 90.000 persoas, chega agora a un escenario nacional da máxima relevancia.
Alcalde subliñou que Madrid é un paso lóxico no ambicioso obxectivo que se trazou a DOP coa posta en marcha do proxecto “Mexillón de Galicia”. “Con esta iniciativa quixemos dar a coñecer en Galicia, España e o mundo a Mexillón de Galicia, o selo que garante a calidade e a orixe cento por cento galega do que, sen dúbida, é o produto máis representativo da extensa e excelsa despensa mariña da nosa comunidade autónoma. Un alimento saboroso e cunhas calidades nutritivas sobresalientes que se cría de forma totalmente natural nunhas contornas privilexiadas: as rías galegas”.
O presidente do Consello Regulador aludiu á inmellorable oportunidade que terán os espectadores para descubrir todo o ciclo produtivo do mexillón, o día a día dunha industria que foi capaz de xerar traballo e prosperidade en Galicia. Chegado este punto, Alcalde quixo render homenaxe aos verdadeiros protagonistas desa exposición: as persoas que fixeron de Mexillón de Galicia un produto inigualable, merecedor dun selo de calidade.
“Ese factor humano aparece nesta exposición, porque todo o que conseguimos ata hoxe susténtase no esforzo, dedicación e, sobre todo, na ilusión de homes e mulleres, de persoas de carne e óso. Mulleres e homes que co seu traballo foron capaces de crear unha actividade sustentable que contribuíu ao desenvolvemento e prosperidade das comarcas costeiras de Galicia e, ao mesmo tempo, a conformar unha identidade propia”.
Francisco Alcalde finalizou a súa intervención agradecendo o magnífico traballo de Xurxo Lobato, capaz de captar co seu obxectivo unhas imaxes cheas de forza, pero tamén de sutileza e fermosura. Instantáneas con alma propia capaces de relatar unha forma de vida.
Tamén lembrou o apoio fundamental das empresas colaboradoras para facer posible a plasmación deste proxecto e agradeceu á Casa de Galicia a súa dedicación e esmero para que esta exposición sexa un éxito.
Pola súa banda, Xurxo Lobato describiu a exposición como “unha homenaxe aos homes e mulleres que cada día loitan por sacar adiante este produto” , á vez que manifestou sentirse orgulloso polo libro que serve de base a esta mostra e que foi distinguido como segundo mellor libro do mundo de fotografía na modalidade de gastronomía en 2017.
Ignacio Gandarías significou a oportunidade e o valor dunha exposición desta natureza para dar a coñecer un sector tan relevante desde o punto de vista social e económico.
Ramón Jiménez, coordinador de actividades da Casa de Galicia, destacou a traxectoria profesional de Lobato e agradeceu ao Consello Regulador o seu interese por exhibir esta mostra en Madrid.
Inaugurada a exposición fotográfica “Mexillón de Galicia”
03/04/2019