A exposición fotográfica “ Mexillón de Galicia” inaugurouse onte no Museo do Pobo Galego, no curso dun acto ao que asistiu unha nutrida representación de distintos ámbitos da sociedade galega. Permanecerá aberta ao público ata o 28 de febreiro.
Tras o seu paso previo por outros museos de Galicia, esta mostra, integrada por medio centenar de fotografías e un vídeo con textos en galego, castelán e inglés, ambos os realizados por Xurxo Lobato, chega agora a un escenario moi singular e cheo de simbolismo cun mesmo obxectivo: dar a coñecer en Galicia, España e o mundo a Mexillón de Galicia, o distintivo que representa garantía de calidade e orixe.
“Non se me ocorre un lugar mellor para esta exposición”, subliñou Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, na súa intervención. “O Museo do Pobo Galego naceu coa intención de defender, investigar, promover e divulgar a cultura galega en todos os seus ámbitos. Tamén aquí, no Panteón de Galegos Ilustres, repousan Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas ou Alfonso Rodríguez Castelao. Todos eles, desde os seus respectivos ámbitos, contribuíron a conformar o que hoxe somos como sociedade”, continuou Alcalde.
O presidente do Consello Regulador convidou a deterse nos detalles que conforman a mostra, sinalando que “Mexillón de Galicia” expresa de forma ben clara como unha actividade ligada a un alimento que forma parte do propio ser dos galegos desde hai moitos anos xerou unha industria con capacidade para crear traballo, prosperidade e benestar. Pero tamén foi capaz de configurar unha identidade propia, “a dos que integramos a familia de Mexillón de Galicia”.
Xusto Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, significou a súa satisfacción por acoller unha exposición que ten como protagonista a un produto tan ligado a Galicia e que permitiu á nosa comunidade colocarse nos primeiros postos mundiais en produción.
Xurxo Lobato, autor da fotografías e do vídeo, considerou que esta mostra é unha homenaxe ás persoas dedicadas á produción de mexillón, unha homenaxe que debe constituír á vez un motivo de orgullo e autoestima para todos eles.
Lobato mostrou o seu convencemento de que o proxecto “Mexillón de Galicia”, integrado tamén polo libro do mesmo nome que foi galardoado tanto a nivel nacional como internacional, contribuirá de forma decisiva á internacionalización do selo Mexillón de Galicia.
Por último, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, felicitou ao Consello Regulador da DOP pola tarefa que leva realizando desde hai anos para dar a coñecer as bondades do selo Mexillón de Galicia.
Quintana referiuse ao mexillón como o mellor embaixador da acuicultura de Galicia. “Temos un molusco único, que se produce nun lugar único cunhas augas únicas”, subliñou. A conselleira puxo tamén en valor a relevancia da industria que xera o mexillón, “un produto que se converteu nun dos emblemas de Galicia e nun dos seus motores económicos”.
Inaugurada a exposición fotográfica “Mexillón de Galicia” no Museo do Pobo Galego
12/01/2018