Finaliza o proxecto Acuieco

Avanzar cara a unha acuicultura máis sustentable no ámbito do espazo mariño das Rías Baixas, buscando unha mellor xestión dos materiais utilizados no cultivo do mexillón en Galicia. Ese foi o obxectivo do proxecto de Acuicultura Sostible e Economía Circular ( ACUIECO) liderado polo Consello Regulador do Mexillón de Galicia que, iniciado en decembro de 2019, chega agora ao seu fin.

Ángeles Longa, responsable do departamento de I+D de Mexillón de Galicia, explicou hoxe ante os medios informativos o resultado destes intensos meses de traballo, nos que se contou coa participación de diversos actores, como a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

ACUIECO expúxose como un proxecto a un ano no que contabamos coa colaboración do Instituto Español de Oceanografía (IEO) como socio científico, a través do investigador Jesús Gago Piñeiro. A situación excepcional sufrida o ano pasado pola pandemia da COVID e as dificultades que atravesou o IEO obrigaron a prolongar o proxecto seis meses máis e a realizar un cambio no socio científico, que pasou a ser o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, a través do investigador José Manuel Fernández Babarro.

Existe unha crecente percepción na sociedade de que os lixos mariños son un dos principais problemas que afectan aos mares do mundo e aos espazos costeiros. Somos conscientes desta realidade e da necesidade de dispoñer dunhas augas limpas nas que desenvolver a nosa actividade. Por tanto, debemos ser os primeiros en dar exemplo para garantir o noso futuro. Esta foi a filosofía que seguiu o Consello Regulador cando afrontou o proxecto ACUIECO. Tratábase de dar continuidade e reforzar as boas prácticas profundizando e detallando as mesmas e expoñendo accións a futuro.

Ao longo destes meses adquirimos un mellor coñecemento de como se xestionan os materiais empregados no cultivo (cordas, sacos…), grazas á información obtida nas reunións mantidas coas directivas das asociacións de produtores e coas principais empresas subministradoras.

Tamén percorremos os principais portos mitilicultores da ría de Arousa para coñecer as características da frota mexilloeira. Era un paso necesario pola propia idiosincrasia do cultivo do mexillón, realizado por unha extensa frota de características moi variadas. Ademais, acompañamos ás bateas a produtores que traballan dentro do ámbito territorial do espazo mariño rede Natura 2000 das Rías Baixas de Galicia para identificar os puntos de perda dos materiais e as necesidades para que o proceso sexa máis sustentable no marco dun sistema de economía circular. E para ter un maior coñecemento dos lixos mariños xerados polo cultivo do mexillón que chega ás praias, as súas características e volumes, contamos coa información xerada, entre outros, polos proxectos Coador promovido pola Asociación BATA, o proxecto Interreg CleanAtlantic, o proxecto Plancton de Afundación e a II Rede para a recuperación dos ecosistemas do Parque Nacional Illas Atlánticas, promovido polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e o propio parque.

 

Mulleres bateeiras

Tras realizar un diagnóstico do proceso produtivo do mexillón, ensaiamos posibles medidas correctoras e de cambio para tentar reducir as perdas, actualizando e profundizando nas mellores prácticas. Outra cuestión importante que abordamos neste proxecto ten que ver coa visibilización das mulleres bateeiras, moitas veces esquecidas cando se fai referencia ás mulleres que viven do mar en Galicia. Para iso realizamos un pequeno vídeo que presentaremos o próximo 9 de xuño na xornada final do proxecto, na que, xunto con representantes do sector e os nosos socios científicos, faremos unha reflexión sobre as boas prácticas e as accións a futuro que deberían afrontarse para continuar na senda da sustentabilidade.

O vídeo é obra de Jaime Olmedo coa colaboracion de Metrópolis cooperativa.