En marcha a certificación en fresco de Mexillón de Galicia

A DOP Mexillón de Galicia reinicou a certificación en porto para o mexillón fresco. Este anuncio significa que o bivalvo está nun momento óptimo para o seu consumo e que alcanzou a calidade esixible para poder ser certificado co noso selo.

O procedemento levarao a cabo o persoal técnico de control realizando as probas de calidade e emitindo o documento de control DOP para as partidas de mexillón destinadas a empresas de depuración certificadas.

A produción do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia, se leva a cabo de forma natural nas nosas rías coa chegada dos nutrientes dos que se alimenta o bivalvo. Trátase dun proceso que se repite todos os anos, aínda que non sempre na mesma época e coa mesma intensidade, por iso o inicio da certificación en fresco ten que ver con esa variabilidade da Natureza.

Mexillón de Galicia é un alimento único, dunha calidade superior ratificada polos rigorosos controis que se realizan ao longo do seu período de cría. E a etiqueta que porta é o distintivo que certifica ese rango e esa autenticidade. De aí a necesidade de respectar os ditados deses factores naturais que son os que confiren a Mexillón de Galicia unha identidade tan distintiva.

O noso selo avala un alimento cento por cento galego, de extraordinario sabor e cunhas calidades nutritivas idóneas para unha dieta sa e equilibrada. Ademais, é aconsellable para calquera idade e ofrece unha gran versatilidade na cociña.

Portar esa etiqueta é o último paso dun proceso rigoroso de control que se inicia coa obtención da semente nas rocas do litoral, continúa na propia batea e segue no momento da súa descarga en porto. Esa supervisión tamén leva a cabo nos centros de depuración, transformación así como nos puntos de venda. Por iso, o Consello Regulador considera esta tarefa de especial relevancia porque outorga fiabilidade ante os consumidores ao adquirir un mexillón coas características distintivas de calidade e orixe que só proporciona a nosa marca.