Dende hai unhas semanas, a DOP Mexillón de Galicia conta cunha nova Unidade de Control que da servizo a produtores e compradores de mexillón nun dos máis importantes portos de descarga de mexillón e da DOP na marxe norte da ría de Arousa, o da Pobra do Caramiñal.
Este proxecto, denominado “Mellora das instalacións da Unidade de Control da DOP Mexillón de Galicia no Peirao de Pobra do Caramiñal”, recibíu unha axuda de 15.953,85 euros e ten como obxectivo mellorar as condicións de traballo do persoal de control da DOP e dos seus usuarios así como aumentar a eficiencia enerxética da unidade de control actual.
Ademais deste, a DOP participa nun segundo proxecto de dous anos de duración: “Avances na gobernanza do sector mitilicola para a mellora da xestión dos materiais empregados no cultivo”, que conta cunha aportación de 76.399,94 euros.
A través desta acción, a DOP quere avanzar cara a unha mitilicultura máis sostible no ámbito da ría de Arousa. Para elo implantarase unha nova dinámica de xestión interna do principal material plástico do cultivo do mexillón que aparece nas limpezas de praias na costa galega: os palillos ou tarugos.
Como medida de fortalecemento da estrutura organizativa do sector instalaremos nas asociacións mitilicultoras da ría da Arousa uns contedores específicos para a recollida de palillos, organizaremos dúas xornadas de limpeza do litoral na que os propios produtores responsabilizaranse da recollida destes refugallos plásticos e coordinaremos a retirada dos mesmos por parte do principal subministrador destes materiais para o seu posterior reciclado.
Como no caso anterior, este proxecto ten unha marcada interese colectiva xa que busca beneficiar tanto aos productores de mexillón e a súa cadea de valor, reforzando a sostibilidade do Mexillón de Galicia, e tamén á sociedade en xeral avanzando na sostibilidade da principal actividade acuícola de Galicia a través dunha mellor xestión dos seus refugallos.
Estes dous proxectos, presentados ao abeiro da Estratexía de Desenvolvemento Local Participativa da Ría de Arousa, contan con sendas axudas da Consellería do Mar que están cofinanciadas nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA).