Constituído o novo pleno do Consello Regulador

O novo pleno que rexerá o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia nos vindeiros anos quedou constituído o 27 de novembro. Tras concluír o proceso electoral, o pleno está formado por seis produtores, catro depuradores e dous transformadores, entre os cales foi reelixido como presidente Francisco Alcalde.

O novo pleno presenta unha novidade con respecto os anteriores: a incorporación da industria de transformación e conserva, un aspecto moi positivo para a boa marcha da DOP, porque, ademais, trátase de sectores que moven un importante volume de Mexillón de Galicia.

O proceso electoral iniciouse o pasado día 8 de setembro coa publicación no DOG da Orde de convocatoria da Consellería de Medio Rural e do Mar. Ao longo do mes de outubro foron publicados os censos de titulares de bateas, de depuración e de transformación, con actividade nos rexistros do Consello Regulador e ao corrente das súas obrigas co Consello Regulador. A este respecto hai que sinalar que dende o inicio do mandato anterior, o Consello Regulador mantivo reunións cos diversos representantes sectoriais para potenciar a máxima participación de produtores e comercializadores.

Posteriormente, abriuse o prazo para a presentación de candidaturas, no que foron presentadas unha única candidatura por cada un dos censos (transformadores, depuradores e produtores). Segundo establece a normativa, habendo unha soa candidatura por censo, ésta foi proclamada electa sen que fose necesario seguir o proceso electoral, polo que a xunta electoral deu por finalizado o proceso, coa proclamación dos candidatos como vogais electos do pleno.

As persoas e empresas que forman parte do pleno son:
Presidente: Francisco A. Alcalde García
Transformación: Cocedero Suárez, S.L Luís Escurís Batalla, S.L
Depuración: Remagro SA, Pescadona SA, Aurelio Silva Abalo SA, Linamar SL
Produción: Jesús Castiñeira Martinez, Eva María Mondragón Viñas, Ricardo Herbón González, Alfredo Otero Lojo, Saturnino Cores Rial, Julio Villanueva González

O traballo na nova lexislatura será unha continuación do feito nestes catro últimos anos, e concentrarase en catro obxectivos principais:
– Elaborar un novo regulamento, xa que o que existente é do ano 2000, e necesita un articulado adaptado ás condicións actuais.

– A consolidación definitiva da DOP, que aínda que nos últimos anos experimentou unha evolución positiva, necesita un novo impulso, tanto a nivel de mercado, con promoción do produto e incremento do seu prestixio, como a nivel sectorial, coa integración de máis axentes inscritos no Consello Regulador para facer máis forte o conxunto do sector, produtores, depuradores e transformadores.

– A potenciación da investigación dende o propio departamento do Consello Regulador. A I+D+i vai ter un peso relevante na actuación do Consello Regulador, xa que se considera necesario investigar que está a pasar co mexillón en todos os elos da cadea, de cara a afrontar o futuro e manter a calidade.

A loita contra a fraude, a incorrecta etiquetaxe e as infraccións contra a DOP nos produtos do mexillón, mantendo a liña trazada até o de agora.

Fotografía de Emilio Moldes