En relación coa intoxicación alimentaria detectada na Comunidade Valenciana por consumo de mexillón galego, o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia quere facer as seguintes consideracións:
1- En mais de 70 anos de historia do mexillón cultivado en Galicia, nunca houbo un abrocho de gastroenterite causado por norovirus.
Neste senso é preciso manter una actitude de prudencia coa información. De feito, a propia AECOSAN (Axencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición) indicou que o produto é sospeitoso, pero sen afirmar a certeza de tal vínculo.
2- Tanto o sector produtor como o transformador de mexillón cultivado en Galicia están caracterizados polas boas prácticas nas súas actividades e por unha actitude de mellora continua nos procesos para ofrecer o mellor produto ás persoas consumidoras e, por riba de todo, de especial esmero e respecto pola saúde dos consumidores.
3- Estas boas prácticas realízanse conforme establece a normativa. No caso dos produtos transformados co cumprimento estrito do Regulamento Europeo (CE) 853/2004 que obriga someter a tratamento térmico os moluscos bivalvos, sendo o máis coñecido o denominado coloquialmente 90-90 (penetración de calor no interior do produto a unha temperatura de 90ºC polo menos durante 90 segundos).
A Inspección Sanitaria comprobou in situ que os procesos e os rexistros que acreditan a aplicación pola empresa do tratamento térmico 90-90 están conformes á normativa establecida.
Tanto a FAO (Axencia para a Agricultura e a Alimentación da ONU) e a EFSA (Axencia Europea de Seguridade Alimentaria) consideran o tratamento térmico 90-90 efectivo para inactivar este tipo de microorganismos.
4- Temos a seguridade, tal como afirma a Administración Galega, de que “o sistema de control cumpriu estritamente os pasos que establece a lexislación vixente”.
Na primeira fase da cadea de subministro, o INTECMAR (Instituto Tecnolóxico do Mar), que ten recoñecido prestixio internacional, realiza o monitoreo continuo das zonas de produción; e os Servizos de Sanidade inspeccionan periodicamente as instalacións e as prácticas de procesado de mexillón nas empresas. Sempre co obxectivo principal de preservar a saúde do consumidor.
5- Desde o primeiro momento, solicitamos información ós distintos departamentos implicados para poder aclarar este episodio. Incluído o estudio epidemiolóxico aberto pola Comunidade Valenciana. Estamos á espera de recibir esa información.
6- O produto sospeitoso foi distribuído a toda España, e non se teñen declarado ata agora outros casos de brotes de intoxicación.
7- Casos similares de sospeita sobre produtos alimentarios resultaron libres de imputación. Podemos recordar a intoxicación masiva producida en Alemaña, na que se imputou a causa a un produto sospeitoso da que resultou libre unha vez se demostrou que a contaminación estaba causada concretamente por froitos roxos procedentes de China.
O caso máis recente, declarado no 2016 en Barcelona, con mais de 4.000 afectados, resultou ser causado por auga envasada en Andorra.
É necesario por tanto manter a prudencia, xa que son moitos e variados os posibles causantes deste episodio. Non se poden lanzar hipóteses sobre a causa da intoxicación, e menos sobre este mexillón que ten a garantía de ter sido sometido ao proceso térmico que inactiva o virus.
Por último, e aínda que non teñamos responsabilidade no caso, a DOP lamenta as molestias causadas ás persoas afectadas pola intoxicación.