Unha sucesión de retos entre bateeiros e influencers que poñerán a proba os coñecementos destes últimos acerca da DOP Mexillón de Galicia. E todo iso dunha forma moi divertida. Ese é o obxectivo de “Mexillón Challenge”, unha iniciativa que desde o luns xa pode verse en redes sociais e que forma parte da campaña de promoción que a DOP está a desenvolver no marco do convenio de colaboración coa Consellería do Mar, unha acción que está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Cinco coñecidos influencers relacionados coa gastronomía, o deporte ou o humor poderán asumir o desafío de responder ás propostas lanzadas por outros tantos bateeiros. Retos que van desde subirse a un barco para averiguar de onde veñen os mexillóns e, de paso, dar a coñecer o labor dos bateeiros ao longo de todo o proceso de produción, ata ir ao mercado e saber como distinguir o mexillón con DOP do que non o é. Aprender a limpar ou cociñar Mexillón de Galicia son outras de encomendas incluídas no “Mexillón Challenge”.
Unha vez cumprida a misión, os influencers poderán compartir a súa experiencia cos seus seguidores en redes sociais.
“Mexillón Challenge” baséase nun formato moi dinámico, utilizando unha linguaxe desenfadada que permite trasladar ao público de modo moi ameno os valores e cualidades que fixeron de Mexillón de Galicia un alimento extraordinario. En cada unha das pezas ponse o acento en todo canto fai único e recoñecible a Mexillón de Galicia, desde o seu distintivo de calidade ata a súa cor, aroma, sabor e textura, así como nas súas propiedades nutricionais ou a riqueza das rías nas que se produce.
O pasado luns comezou esta campaña co lanzamento do primeiro desafío polo bateeiro Óscar Otero Padín, que xa tivo resposta da influencer @grtamara e tamén unha moi boa aceptación polos seus seguidores. Os seguintes emitiranse os días 23 de outubro e o 2, 6 e 13 de novembro.
Podedes ver o desafío no noso Instagram.