Que ocorre cando se aúnan nun mesmo proxecto as cualidades dun alimento sen igual, que ademais é o máis representativo da despensa mariña de Galicia e que porta un selo de calidade diferenciada, co talento dun grupo de destacados cociñeiros?
Pois un resultado que está á altura dos seus protagonistas, Mexillón de Galicia e 12 profesionais que situaron a cociña de Galicia en cotas antes nunca alcanzadas. Esa confluencia cristalizou nunha publicación cuxo título, “Receitas con estrela”, xa deixa ben claro cales son as súas ambicións.
En 2018 Mexillón de Galicia iniciou unha frutífera colaboración cos cociñeiros da nosa comunidade que lucían a prezada estrela da guía Michelin. Algúns moi consolidados no Olimpo da gastronomía nacional e internacional e outros que se foron incorporando a ese exclusivo club. Eles son o relevo xeracional da cociña de Galicia e quen ha de servir de guía aos que nuns anos alcanzarán ese rango. Desde entón, a sección do noso Boletín “A cociña de Mexillón de Galicia” converteuse nunha pasarela pola que desfilaron os autores das elaboracións deste receitario de luxo.
Lucía Freitas (A Tafona), Iria Espinosa (Árbore da Veira), Fernando Agrasar (As Garzas), Pepe Solla (Casa Solla), Rafael Centeo (Maruja Limón), Miguel González (Miguel González), Julio Sotomayor e Daniel Guzmán (Nova), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), Pepe Vieira (Pepe Vieira), Manuel Costiña (Retiro da Costiña), e Yayo Daporta (Yayo Daporta) exhiben o mellor de si mesmos e sorprenden coas texturas, cores e sabores que acompañan ao protagonista, o Mexillón de Galicia, nunha vistosa coreografía.
Todos eles cóntannos un relato moi enriquecedor. Un compendio de técnica, talento, creatividade e tamén de amor polo seu traballo que ten como fío condutor un alimento cunha relevancia que transcende o plano gastronómico. O sector do mexillón en Galicia, con Mexillón de Galicia no seu mascarón de proa, ocupa un posto crucial no noso tecido socioeconómico, na nosa cultura, a nosa paisaxe e a nosa identidade.
Todo iso reflíctese neste receitario, que o presidente do Consello Regulador da DOP, Mané Calvo, cualifica de “síntese da excelencia” porque nel conxúganse un alimento excelso e a destreza duns profesionais que achegan outra visión de como tratar nos fogóns a este bivalvo, o primeiro produto de mar co distintivo de calidade DOP pola UE, levándoo a un nivel superior.
A publicación, froito dun convenio coa Consellería do Mar e financiado con fondos europeos, alterna un mosaico de fotografías de Xurxo Lobato e Óscar Vífer que plasman o traballo destes cociñeiros e que se complementan con outras que ilustran a envergadura deste sector conformado ao redor de produtores, depuradores e transformadores, pero que se estende nun amplo abanico de actividades que deixan a súa pegada en moitas localidades de Galicia.
Toda unha invitación a adentarse como un peregrino nun roteiro único que transita por ese camiño de estrelas en que se converteu a cociña de Galicia.
Podedes acceder á publicación na seguinte ligazón:
https://mexillondegalicia.org/wp-content/uploads/2023/02/MexillonReceitas15Dic.pdf