As cifras de certificación da DOP aumentaron un 28% en 2015

As cifras de certificación da DOP Mexillón de Galicia seguen o seu camiño ascendente. En 2015 a DOP certificou en porto 43 millóns de quilos de mexillóns, dez millóns máis que no exercicio anterior. Esta cifra representa un incremento do 28% respecto de 2014 e referenda a mellora progresiva alcanzada durante os últimos cinco anos.

O maior volume das cifras de certificación concentrouse no segundo semestre de 2015, sobre todo durante os meses de agosto, setembro, outubro e novembro.

Respecto ao destino do produto, a maioría do mexillón certificado levoullo a industria transformadora, concretamente o 93%. En canto ao rendemento anual, alcanzouse unha media do 19% e de 35 pezas por quilo. O 7% restante do total certificado acabou no mercado de fresco. Foron un total de 3 millóns de quilos netos, cunha media anual de rendemento do 20% e de 30 pezas por quilo.

Valor económico de primeira venda

Os 43 millóns de quilos certificados representan un valor económico de primeira venda de 20,03 millóns de euros. Dese total, 18,08 millóns corresponden a mexillón certificado con destino á industria, mentres que os 1,95 millóns restantes son de mexillón en fresco. Estas cifras supoñen un incremento no valor económico do 28,10% en relación a 2014.

Control da produción e comercialización

Durante o ano 2015, os técnicos da DOP realizaron 11.461 controis de calidade comercial, dos cales 4.418 optaron á certificación DOP.

Pola súa banda, Bureau Veritas, que colabora co Consello Regulador nas tarefas de certificación e inspección, realizou 63 auditorías a empresas e 240 a bateas e produtores.

Por último, a 31-12-2015 constaban nos rexistros da DOP 1.150 bateas certificadas, 35 empresas elaboradoras e 7 titulares de marca.