A sede da DOP converterase nunha gran galería fotográfica

O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia e a Deputación de Pontevedra asinaron un acordo de colaboración que permitirá a organización dunha exposición integrada por fotografías e textos que axudarán a divulgar a relevancia do mexillón en Galicia. A mostra poderase ver na sede da DOP, que dese modo converterase nunha gran galería fotográfica.

Trátase dun ambicioso proxecto co que se pretende potenciar a imaxe da marca Mexillón de Galicia e dun sector de enorme relevancia socioeconómica na nosa comunidade autónoma. Ademais, reforzará á provincia de Pontevedra como destino cultural de calidade.

Esta mostra, que acollerá o edificio de Mexillón de Galicia con carácter permanente, estará integrada por fotografías de gran calidade que se dispoñerán ao longo dos distintos espazos da nosa sede configurando un escenario en varios niveis, sorprendente e atractivo á vez. Nesa gran galería aparecerán instantáneas cotiás do traballo na batea, así como de empresas e produtos certificados co selo da DOP, todo acompañado de textos explicativos.

Un formato áxil para coñecer unha forma de cultivo autóctona, así como o seu enorme valor económico, social, cultural, paisaxístico, gastronómico e nutricional. Unha exposición que busca sensibilizar á sociedade en favor da cultura, gastronomía e patrimonio autóctono, así como a difusión dos valores intrínsecos de Mexillón de Galicia como produto, alimento e como garantía de orixe e calidade certificada polo noso selo da DOP.

Renovación tecnolóxica

Este convenio permitirá ademais a renovación da infraestrutura tecnolóxica da sede de Mexillón de Galicia, cunha total posta ao día que inclúe desde a instalación eléctrica do edificio ata a infraestrutura e medios necesarios para a disposición dos espazos de almacenamento, montaxe e configuración do sistema de copias de seguridade, dispositivos para actuación con redes wifi, instalación de SWITCH e FIREWALL…

Deste xeito, Mexillón de Galicia dótase dunha tecnoloxía máis eficiente, cun menor custo de mantemento e que permitirá mellorar a produtividade ofrecendo un mellor servizo aos operadores e reducindo brechas de vulnerabilidade que se poidan presentar, minimizando a posibilidade dun ciberataque ou evitando a falta de subministración eléctrica.