Como engrandecer as cualidades dun produto inigualable como o “Mexillón de Galicia”?
A esa pregunta deron adecuada resposta os alumnos da escola de hostalería Carlos Oroza de Pontevedra, que durante dous días recorreron ao mellor mexillón do mundo, ao “Mexillón de Galicia”, para elaborar unhas receitas cheas de sabor, pero tamén de audacia e fantasía.
A iniciativa “Mexillón de Galicia. A etiqueta na túa mesa”, promovida polo Consello Regulador da Denominacion de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia” e o Carlos Oroza co obxectivo de incentivar o consumo deste bivalvo e facer do “Mexillón de Galicia” o produto estrela dos menús de nadal, permitiu refrendar algo xa coñecido: a enorme versatilidade deste produto á hora de converterse en protagonista gastronómico.
Os alumnos deron unha auténtica lección desa versatilidade presentando unhas receitas que alternaron tradición e vangarda ao redor dun ingrediente que comporta sabor único, luxo e categoría, o mexillón amparado pola DOP “Mexillón de Galicia”, o selo que garante a veracidade da orixe e a calidade deste bivalvo.
Se o xoves os futuros cociñeiros sorprenderon con Mexillón agridoce con escuma de mar, Tartaleta de mexillón e aguacate, Dados de mexillón e chourizo ou Cucurucho de mexillón con velouté ou cúrcuma, entre outras creacións, hoxe venres referendaron a súa audacia para concibir as receitas e evidenciaron a súa excelente preparación técnica para executalas.
O reto non era menor xa que os autores deberon presentar os seus traballos nun formato de showcooking ante un grupo de invitados entre os que se atopaban profesionais da cociña, da hostalería, blogueros gastronómicos e representantes de medios de comunicación.
Para esta ocasión a proposta estivo integrada por catro pratos e outros tantos cócteles elaborados con “Mexillón de Galicia” como ingrediente principal. O resultado? Mcburger mexillón; Mexillón á galega con escuma de pataca; Castaña e mexillón; e Brotes, algas e falso ceviche de mexillón, para comer. E cada unha das receitas acompañóuse do seu correspondente cóctel: Petrogin; Mojito galego; Mar-terra; e Arousa-blue, respectivamente.
Os futuros cociñeiros debullaron ante os concorrentes as razóns que lles levaron a realizar as súas receitas e os pormenores da súa realización, someténdose ademais ás preguntas dos invitados.
E á vista dos xuízos emitidos, a sensación é que tanto o produto como o seu manexo estiveron á altura do esperado.
Gabriela André, responsable de Promoción e Márketing da DOP “Mexillón de Galicia”, agradeceu aos profesores e alumnos do Carlos Oroza a colaboración e implicación mostrada para que estas xornadas se desenvolvesen con éxito, contribuíndo así a reforzar a imaxe de excelencia do “Mexillón de Galicia”, incentivar o seu consumo en nadal e, de paso, contribuír a un maior coñecemento do que significa este alimento entre aqueles que nun futuro próximo serán os embaixadores da cociña galega.