A exposición “Mexillón de Galicia” xa pode verse no Aquarium Finisterrae da Coruña, onde permanecerá ata o 30 de marzo.
Cincuenta fotografías e un vídeo de tres minutos, ambos realizados polo fotógrafo Xurxo Lobato, integran esta mostra que forma parte dun proxecto concibido pola DOP Mexillón de Galicia para dar a coñecer en Galicia, España e o mundo unha marca como Mexillón de Galicia, que representa unha garantía de calidade e orixe para o consumidor.
Este relato audiovisual completa un traballo do que forma parte tamén un libro presentado hai un ano, titulado “Mexillón de Galicia”, que supuxo unha carta de presentación da DOP ante a sociedade e un elemento de autoestima para os operadores do sector. A exposición da Coruña dá continuidade a ese libro, axudando ao espectador a descubrir que hai detrás de Mexillón de Galicia.
Detrás desa marca hai mulleres e homes que foron capaces de crear unha actividade sustentable, ao redor da que xurdiu un sector xerador de riqueza nas zonas costeiras de Galicia. Eles son os responsables de que un produto tan ligado á identidade de Galicia sexa merecedor dun distintivo que garante a súa calidade e a súa orixe. Un alimento moi versátil e sempre exquisito, que segue formando parte da nosa dieta, ben preparado de forma tradicional ou como ingrediente da máis alta cociña.
A exposición está estruturada a modo de itinerario que comeza coa recollida da semente do mexillón nas rocas, prosegue nas bateas, onde o mexillón crecerá ata a súa retirada, e finaliza no mercado, onde se comercializa en diversos formatos. Un periplo que describe como a través dun traballo que en moitas ocasións pasa de pais a fillos configúrase unha forma de ser, unha identidade, a dos que forman parte de Mexillón de Galicia.
As visitas poderán realizarse de luns a venres entre as 10 e as 18 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos, o horario do Aquarium é de 11 a 20 horas.
Esta mostra xa se expuxo en Vigo, concretamente no Museo do Mar de Galicia, entre maio e xullo do pasado ano.