A exposición “Mexillón de Galicia” abriu onte, 25 de maio, as súas portas no Museo do Mar de Galicia, onde permanecerá durante os próximos dous meses.
Cincuenta fotografías e un audiovisual de tres minutos, ambos realizados polo fotógrafo Xurxo Lobato, integran esta mostra que forma parte dun proxecto concibido pola DOP Mexillón de Galicia para dar a coñecer en Galicia, España e o mundo unha marca como Mexillón de Galicia que representa unha garantía de calidade e orixe para o consumidor.
Francisco Alcalde, presidente da DOP, lembrou que esta mostra completa un traballo do que forma parte tamén un libro, titulado “Mexillón de Galicia”, que foi presentado o pasado mes de decembro. “Ese libro supuxo unha carta de presentación da DOP ante a sociedade e un elemento de autoestima para os operadores do sector. Agora damos continuidade a ese libro cun relato fotográfico e audiovisual, dous formatos coas súas propias particularidades narrativas pero que teñen unha mesma finalidade: axudar ao espectador a que descubra que hai detrás de Mexillón de Galicia”, explicou Alcalde.
E detrás desa marca hai, ante todo, persoas. Mulleres e homes que co seu traballo foron capaces de crear unha actividade sustentable, ao redor da que xurdiu un sector xerador riqueza nas zonas costeiras de Galicia. “Todos eles son os responsables de que un produto tan ligado á identidade de Galicia sexa merecedor dun distintivo que garante a súa calidade e a súa orixe”, subliñou o presidente da DOP.
Alcalde chamou a atención sobre os detalles da exposición, estruturada a modo de itinerario que comeza coa recollida da semente do mexillón nas rochas, prosegue nas bateas, onde o mexillón crecerá ata a súa retirada, e finaliza no mercado, onde se comercializa en diversos formatos. “O que aquí se pode ver resume moi ben o que somos. As imaxes axudan a entender como a través dun traballo, que en moitas ocasións pasa de pais a fillos, configúrase unha forma de ser, unha identidade, a dos que formamos parte de Mexillón de Galicia”.
Xurxo Lobato manifestou a súa satisfacción por ser partícipe dun traballo que, na súa opinión, representa “unha homenaxe ao mundo do mexillón. A todos os que dunha ou outra maneira converteron ao mexillón no que é na actualidade, unha das grandes industrias que temos en Galicia”.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, sinalou pola súa banda que a exposición contribuirá a poñer en valor todo o que dunha ou outra maneira está ligado ao sector do mexillón, en tanto que para Vicente Caramés, director do Museo do Mar, a mostra permitirá ao visitante coñecer a un colectivo moi dinámico. “Hai sesenta anos non había nada e hoxe en día o mexillón xera unha gran cadea de valor, da que forman parte produtores, cocedeiros, depuradores, conserveiros, así como tamén científicos e investigadores. Os museos deben ser espazos dinámicos, con capacidade para que os cidadáns poidan interactuar coa realidade que lle rodea, como a que representa neste caso o mexillón”.