A exposición fotográfica “Mexillón de Galicia” chega a Madrid, onde poderá visitarse desde mañá ata o 30 de abril na Casa de Galicia.
Cincuenta fotografías e un vídeo de tres minutos, ambos realizados polo fotógrafo Xurxo Lobato, integran esta mostra que forma parte dun proxecto concibido pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para dar a coñecer en Galicia, España e o mundo o selo Mexillón de Galicia, que representa garantía de calidade e orixe para o consumidor.
Este relato audiovisual completa un traballo do que forma parte tamén o libro “Mexillón de Galicia”, que en 2017 foi galardoado como mellor libro de gastronomía de España na categoría de mellor fotografía e igualmente obtivo o segundo premio ao mellor libro de gastronomía do mundo na mesma modalidade. A exposición de Madrid da continuidade a esa publicación, axudando ao espectador para descubrir que hai detrás de Mexillón de Galicia.
Detrás desa denominación hai mulleres e homes que foron capaces de crear unha actividade sustentable, ao redor da que xurdiu un sector xerador de riqueza e prosperidade en Galicia. Eles son os responsables de que un produto tan ligado á nosa identidade sexa merecedor dun distintivo que garante a súa calidade e a súa orixe. Un alimento moi versátil e sempre exquisito que segue formando parte da nosa dieta, ben preparado de forma tradicional ou como ingrediente da máis alta cociña.
A exposición está estruturada a modo de itinerario que comeza coa recollida da semente do mexillón nas rocas, prosegue nas bateas, onde o mexillón crecerá ata a súa retirada, continúa nas plantas depuradoras e transformadoras e finaliza no mercado, onde se comercializa en diversos formatos. Un periplo que describe como a través dun traballo que en moitas ocasións pasa de pais a fillos configúrase unha forma de ser, unha identidade, a de quen forma parte de Mexillón de Galicia.
A inauguración está fixada para as 19,30 horas.
Esta mostra xa se expuxo con anterioridade no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, no Aquarium Finisterrae da Coruña e no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela. En total foi vista por 90.000 persoas.