A DOP xa está na Seafood Expo Global de Barcelona

A DOP Mexillón de Galicia continúa desenvolvendo unha intensa actividade dirixida á promoción e fortalecemento do seu selo de calidade. Nesta ocasión o seu destino é Barcelona, onde participa desde hoxe e ata o vindeiro xoves na Seafood Expo Global, a maior feira comercial de produtos do mar do mundo.

Miles de profesionais do sector dos cinco continentes, entre importadores, exportadores, almacenistas, restaurantes, supermercados, hoteis e outras empresas minoristas e de servizos de alimentación teñen presenza en Barcelona para reunirse, establecer contactos e facer negocios.

Esta cita prodúcese uns días despois de que Mexillón de Galicia participase noutro evento de enorme relevancia, o Salón Gourmets, onde protagonizou tres degustacións, ademais de contar cun expositor propio.

A participación en convocatorias deste nivel destinadas a un público profesional reforza o noso selo de calidade á vez que incrementan o coñecemento e recoñecemento de Mexillón de Galicia ante os consumidores.

 

*A foto é da edición de 2025