A DOP protagoniza unha campaña de promoción en punto de venda por toda España

A DOP Mexillón de Galicia levará a cabo entre o 5 e o 21 de decembro unha ambiciosa campaña de promoción en punto de venda que se desenvolverá en distintos centros comerciais de Galicia e de diversas cidades de España. Esta iniciativa está promovida pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e financiada con fondos europeos.
A súa principal finalidade é incrementar as vendas de mexillón con distintivo da DOP, tanto o comercializado en fresco como o transformado, nunhas datas tan significadas como as de nadal e conseguir que Mexillón de Galicia adquira protagonismo nos menús destas festividades ao tratarse dun alimento excepcional desde o punto de vista nutricional, saboroso e da máxima calidade.
Esta acción axudará igualmente a reforzar entre os consumidores a xa sólida imaxe de Mexillón de Galicia como distintivo que avala a calidade e a orixe cento por cento galego do mexillón, fronte a outras alternativas existentes no mercado.
A campaña desenvolverase ao longo de tres fins de semana (venres e sábados) do mes de decembro. O seu inicio será mañá xoves, día 5, (o venres 6 é festivo nalgunhas cidades) e continuará o sábado7.
Os centros elixidos para esta primeira xornada son Alcampo Vigo II, Alcampo de Vilagarcía e Alcampo da Área Central de Santiago de Compostela. Fóra de Galicia estaremos en Alcampo de Moratalaz (Madrid).
As outras dúas xornadas serán o 13 e o 14, e o 20 e o 21 de decembro, respectivamente.
En cada un deses centros instalarase un mostrador da DOP, onde os visitantes recibirán información acerca das características que fan único a Mexillón de Galicia. Así mesmo ensinaráselles a diferencialo do resto mediante a súa etiqueta inconfundible e orientaráselles sobre o mellor momento para consumilo. Esa fase informativa finalizará cunha degustación de dúas receitas de Mexillón de Galicia.
Ademais, tanto na zona de peixería, onde estará o mexillón fresco, como nos lineais dos transformados dispoñerase unha elegante cartelería en distintos formatos (pvc, vinilos de chan) deseñados ao efecto que contribúe a reforzar a calidade do produto.