A DOP inicia a certificación para o mexillón fresco

Mexillón de Galicia reiniciou hoxe, 10 de agosto, a certificación en porto para mexillón fresco.

Con este paso culmínase un proceso de produción totalmente natural, alleo a calquera achega externa e ligada a uns ciclos que ano tras ano se repiten e que resultan fundamentais para a obtención do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia.

Agora, tras aproveitarse do afloramento dos nutrientes nas augas das rías, alcanzou o nivel de calidade esixible para ser certificado co noso selo e garantir así que está nun momento óptimo para o seu consumo.

Mexillón de Galicia é un alimento único, dunha calidade superior avalada polos rigorosos controis levados a cabo ao longo do seu período de cría nas augas das nosas rías. E a etiqueta que porta é o distintivo que asegura esa autenticidade.

A DOP elaborou un vídeo que se difundirá a través das redes sociais no que se convida ao seu consumo aproveitando o reinicio da certificación en fresco. Ese traballo quere ser igualmente un recoñecemento ás boas prácticas desenvolvidas por homes e mulleres ao longo de xeracións que, en conxunción coa natureza, fixeron de Mexillón de Galicia o que é, o alimento máis recoñecible da despensa mariña galega. Un bocado excepcional cunhas extraordinarias propiedades nutricionais que agora está no seu mellor momento para desfrutalo.