A DOP Mexillón de Galicia presentou hoxe a “Guía de boas prácticas do cultivo do mexillón en Galicia para a redución de lixos mariños”. Foi no curso dun acto no que participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo e coordinador nacional dos traballos en lixos mariños dentro da estratexia mariña do IEO, Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, e Ángeles Longa, responsable do departamento de I+D+i da DOP.
500 anos. Todo ese tempo é o que tarda unha botella de pvc en degradarse no mar, o mesmo que unha roda. Pero hai materiais que necesitan máis tempo, por exemplo, as redes e cordas de nailon, que alcanzan os 650 anos, e as pilas 1.000.
Esta é só unha pequena mostra do dano que pode orixinar, e que xa está a causar, unha actitude indiferente cara ao risco que entraña converter o mar nun enorme depósito de desperdicios da máis variada natureza. É preciso un cambio nestes hábitos que se repiten a nivel global e que están a poñer en serio perigo os nosos océanos, mares e rías, así como a enorme riqueza e biodiversidade que gardan nas súas augas.
A DOP Mexillón de Galicia quere contribuír a ese cambio. E para iso editou esta Guía. Elaborada polo seu departamento de I+D+i, a publicación vai dirixida fundamentalmente aos produtores e inclúe unhas indicacións moi precisas para que o seu traballo na batea estea guiado por ese principio de boas prácticas.
O presidente da DOP subliñou na súa intervención a dimensión do sector mexilloeiro en Galicia, que require dunhas augas limpas para garantir o seu futuro e, en consecuencia, o de miles de familias que viven del. Francisco Alcalde lembrou que a produción de Mexillón de Galicia baséase nun proceso totalmente natural que se aproveita unicamente da riqueza en fitoplancton das rías galegas. Ese alimento permite obter un bivalvo que alcanzou prestixio dentro e fóra de Galicia. “Lograr que isto siga sendo así pasa por dispoñer dunhas augas de calidade, limpas e de máxima pureza, que é o ideal ao que xustamente debemos aspirar como sociedade. Nesa tarefa os mexilloeiros debemos ser os primeiros en dar exemplo, mantendo unha conduta esixente e fundamentada nunhas prácticas que contribúan a ese fin”.
Jesús Gago felicitou á DOP por esta guía, da que destacou a súa importancia, entre outras cousas, polo seu carácter pioneiro en Galicia, España e Europa. “Os consellos que aparecen nesta guía poderían estenderse a outros sectores da acuicultura”, indicou este investigador, para quen o coidado das nosas augas é unha tarefa que nos concierne a todos.
Pola súa banda, a conselleira do Mar mostrou o seu agradecemento ao sector polo grao de compromiso demostrado coa publicación desta guía. “É un paso adiante que demostra que quen vive do sector do mexillón son os primeiros en dicir que é no que temos que mellorar para manter as nosas augas en boas condicións e contribuír a que a produción vaia en aumento. Todo iso debe trasladarse tamén á sociedade. O impacto desta guía non debe quedar entre o sector, senón que debe chegar a toda a poboación”.
Por iso, a publicación tamén ten no seu punto de mira á sociedade no seu conxunto, que ha de xogar un papel fundamental na redución de lixos mariños. E así, nos seus distintos apartados explícase dunha maneira sinxela e moi ilustrativa que son os lixos mariños, a súa orixe, tipoloxía…
A conveniencia deste documento queda en evidencia se reparamos en que cada ano tíranse ao mar 8.000.000 de toneladas de plásticos, que o 90% das especies mariñas inxeriu este material algunha vez ou que case un millón de aves e 100.000 mamíferos morren ao ano por causa do plástico.
Como se indica na presentación da guía, é hora de pasar á acción. Non se pode perder máis tempo porque o mar representa unha das nosas fontes de riqueza, alimento e benestar. En consecuencia, necesita que o coidemos. Se non o facemos, a sociedade no seu conxunto lamentarao.
Podes coñecer a Guía nesta ligazón.