A DOP asina un convenio coa Deputación

O presidente do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Mané Calvo, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron un convenio para o desenvolvemento do procedemento de acreditación do Consello Regulador ante a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) e lograr a certificación EN ISO/IEC 17065.

Este procedemento permitirá que os diferentes procesos que se dan dentro da certificación da DOP estean perfectamente documentados en diferentes protocolos, instrucciones técnicas, etc, o que redundará nunha maior transparencia e nunha maior garantía para os asociados e o consumidor final, e saber así en todo momento cales son os pasos que hai que dar para garantir a certificación que outorga Mexillón de Galicia. “É a mellor forma de garantir ao consumidor que aquilo que compra é Mexillón de Galicia”, subliñou Joaquín Garrido, secretario xeral do Consello Regulador.

Para Mané Calvo conseguir esta acreditación é un “respaldo definitivo para a DOP” e agradeceu á Deputación o seu apoio para conseguilo, xa que na súa opinión redundará nunha maior unión do sector e nun incremento do seu prestixio.

A presidenta provincial destacou a importancia deste convenio, “que é un paso máis na excelencia e cumprimento das garantías de Mexillón de Galicia”. No proceso de certificación, explicou, “a ENAC vai facer un estudo moi profundo que vai identificar tamén as oportunidades de mellora dun Consello que busca a excelencia, aposta pola sostibilidade e por coidar o noso produto, que está nos mellores espazos con todas as garantías ambientais, un traballo que agradezo”.

Calvo e Silva puxeron en valor a relevancia do mexillón en Galicia, que xera máis de 13.000 empregos, aos que hai que sumar os pertencentes ás actividades relacionadas con este sector e que como destacou o presidente do Consello Regulador “é unha parte bastante importante”.