A D.O.P. Cava e a D.O.P. Mexillón de Galicia únense nunha maridaxe singular durante os próximos tres anos

A D.O.P. Mexillón de Galicia e a D.O.P. Cava presentaron en casa América un ambicioso programa de promoción conxunto cofinanciado pola Unión Europea para o próximos tres anos (2023-2025).

Durante o acto, o presidente da D.O.P. Mexillón de Galicia, Mané Calvo, e o presidente da D.O.P. Cava, Javier Pagés, quixeron poñer de manifesto a gran oportunidade que lles brinda Europa apoiando e cofinanciando este tipo de accións que axudan a dar a coñecer mellor estes produtos singulares da gastronomía española amparados baixo un selo de calidade garantida.

Mané Calvo indicou que este programa permitirá a Mexillón de Galicia e Cava reforzar as súas señas de identidade e enriquecerse mutuamente desde esa singularidade, xerando sinerxias e creando novas e suxestivas propostas de goce de dous produtos excepcionais. “As accións que desenvolveremos contribuirán a incrementar o coñecemento e recoñecemento de ambas marcas de calidade entre os consumidores. Ademais, potenciarán a vinculación de Mexillón de Galicia e Cava cos valores que caracterizan os produtos europeos, como a calidade, a rastrexabilidade, a seguridade alimentaria e a sustentabilidade”, explicou.

O presidente do Consello Regulador puxo en valor o selo de Mexillón de Galicia, que identifica o alimento máis representativo da despensa mariña galega e que ademais foi o primeiro produto de mar en obter o distintivo de calidade D.O.P. A ese enorme valor simbólico, Calvo engadiu a relevancia socioeconómica do sector do mexillón en Galicia. “Todos eses activos que atesoura Mexillón de Galicia obrígannos a ser moi ambiciosos á hora de proxectar a súa imaxe. Pese ao nivel de prestixio alcanzado, é preciso que a nosa marca siga incrementando o seu rango de coñecemento e recoñecemento nun mercado global e enormemente competitivo. Este programa permitiranos dar un paso de xigante nese camiño, no que a diferenciación é un elemento crave para ser competitivos. E desde os seus inicios os obxectivos de Mexillón de Galicia foron nesa dirección: ofrecer un produto coa garantía de ter unha orixe cento por cento galega e da máxima calidade. Un alimento único cunhas características determinadas pola contorna no que se cultiva e polo saber facer de xeracións que fixeron do mexillón a súa forma de vida”.

Pola súa banda, o presidente da D.O.P. Cava, Javier Pagés, manifestou a súa satisfacción por recibir este financiamento “que permitirá reforzar a nosa imaxe e o gran traballo de elaboración dos viños espumosos españois que teñen denominación de orixe”.

Ao acto tamén asistiu José Manuel Herrero, director xeral da Industria alimentaria, que se declarou padriño deste programa tan importante para estes dous produtos tan españois e tan recoñecibles en todo o territorio español. Herrero terminou dando as grazas aos asistentes e dando o parabén ás dúas marcas que durante o próximos tres anos “deleitarannos con diferentes maridaxes tan interesantes”.

A subdirectora Xeral de Pesca e Mercados da Pesca da Consellería do Mar, Marta Villaverde Acuña, destacou na súa intervención o recoñecemento dos produtos do mar “tan auténticos e con tanto valor como Mexillón de Galicia” e o valor seguro que sempre representan ambas marcas de calidade para representar a España.

Nos próximos tres anos, e co apoio financeiro da UE, os Consellos Reguladores da D.O.P .Cava e a D.O.P. Mexillón de Galicia poñerán en marcha este programa de case 4 millóns de euros.

En abril do 2022 presentáronse 150 proxectos de diferentes países, só 55 recibiron a subvención; D.O.P. Mexillón de Galicia e D.O.P Cava, obtiveron a maior subvención do ano 23 /25, un recoñecemento e unha aposta por ambos os produtos.

Estes fondos destinaranse a diferentes accións estratéxicas cun obxectivo común, o recoñecemento e prestixio no mercado de España entre afeccionados e potenciais consumidores de ambas marcas. Entre elas destacan as viaxes de prensa xeneralista e sectorial ás dúas zonas de elaboración para coñecer a orixe e o sistema de produción de cada D.O.P., publicidade en televisión e medios dixitais e comunicacións segmentadas a diferentes medios craves da área do viño e gastronomía.

Tras a presentación, o prestixioso cociñeiro galego Pepe Solla (1 estrela Michelin) e a recoñecida sumiller María José Huertas realizaron un showcooking maridaxe con ambos produtos, ofrecendo aos asistentes unha degustación co Mexillón de Galicia D.O.P. maridado con 3 tipos diferentes de D.O.P. Cava de Garda Superior Gran Reserva, Reserva e Rosado. As receitas presentadas foron: Cremoso de Mexillón de Galicia escabechado sobre esponjoso de millo e sésamo negro maridado con DOP Cava de Garda Superior Gran Reserva; Mexillón de Galicia con curri verde maridado con D.O.P. Cava de Garda Superior Reserva; e Taco rabioso de Mexillón de Galicia maridado con D.O.P. Cava de Garda Superior Rosado.

Dous produtos diferenciados: con calidades altísimas, saborosos e con moita personalidade que, ademais maridan perfectamente cando se degustan conxuntamente.