A AEPM insta á Comisión Europea a reforzar a Directiva Marco da Auga

O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, xunto co resto de socios da Asociación Europea de Produtores de Moluscos (AEPM), continúa demandando a protección efectiva da calidade das augas onde se crían os moluscos. A nosa iniciativa máis recente ao respecto concrétase na presentación dunha serie de consideracións no proceso de revisión da Directiva Marco da Auga (DMA) iniciado pola Comisión Europea.

A devandita revisión céntrase nos proxectos de materias primas críticas que teñen que ver coa extracción e o procesamento de diversos minerais, actividades “cunha maior probabilidade de xerar contaminación por metais, mobilización de sedimentos e verteduras contaminantes nas concas fluviais e estuarios dos que dependen as zonas de produción de mariscos”, advirte a AEPM.

Os produtores inclúen no documento enviado á Comisión Europea algúns exemplos das consecuencias da degradación da auga cunha mención expresa a Galicia, en concreto ás explotacións mineiras de Touro e San Finx. Ambos os casos “xeraron unha oposición constante por parte do sector da produción de moluscos (marisqueiro e bateeiro), que considera que o desenvolvemento ou reapertura de actividades mineiras en concas fluviais sensibles supoñen riscos significativos para a calidade da auga, a saúde dos ecosistemas e a viabilidade das zonas de produción costeiras”.

A AEPM defende que a DMA é adecuada para o propósito para o que foi desenvolvida e que a prioridade debe seguir sendo a súa implementación e aplicación efectiva, non diluír os seus principios fundamentais. Advirte que calquera debilitamento do principio de non deterioración terá consecuencias negativas e impacto nos sectores que dependen da auga, por iso é polo que as medidas de protección non deben verse comprometidas por intereses industriais, e subliña que a estabilidade regulatoria é “esencial” para o investimento a longo prazo e para a confianza do sector.

Os produtores inciden en que o cultivo de moluscos depende en gran medida da calidade da auga, xa que ostras, mexillóns e ameixas son organismos filtradores e reflicten o estado ecolóxico e químico da súa contorna. Ao seu xuízo, a DMA non é só unha lexislación ambiental, senón un “piar fundamental para a viabilidade, resiliencia e competitividade do noso sector”.

Con base nesas razóns, a AEPM insta á Comisión para preservar a integridade e ambición da DMA; asegurar que calquera simplificación mellore a calidade e a eficiencia sen diminuír a protección ambiental; priorizar a aplicación e o cumprimento da DMA, incluíndo o principio de “quen contamina, paga”; evitar introducir exencións novas ou ampliadas para actividades industriais; elaborar directrices da UE sobre aplicación do principio de non deterioración aos proxectos industriais para garantir a seguridade xurídica sen rebaixar os estándares; introducir medidas de protección da planificación especial para previr actividades industriais de alto risco en zonas sensibles de produción acuática e de mariscos; incrementar o apoio financeiro e técnico para a xestión de incidentes de contaminación da auga, a prevención da contaminación e a infraestrutura de augas residuais; e fortalecer a participación das partes interesadas, en particular dos sectores directamente dependentes da calidade da auga.

“A Directiva Marco da Auga é un activo estratéxico para os sistemas alimentarios sostibles de Europa e a súa competitividade económica a longo prazo. O seu debilitamento trasladaría os custos aos sectores sostibles e ás autoridades públicas, socavaría a produción de alimentos e xeraría responsabilidades medioambientais a longo prazo”, conclúen os produtores.