2017, o ano da consolidación de Mexillón de Galicia

2017 pódese considerar como o ano da consolidación da DOP Mexillón de Galicia. As cifras así o din: aumento dos operadores adscritos ao noso selo de calidade, que ascenden dos 52 de 2016 aos 73 do pasado exercicio; niveis no rendemento do produto moi elevados; e máis de 42 millóns de quilos de mexillón certificado evidencian esa tendencia.

Existen razóns para explicar ese crecente interese das empresas por incorporarse ao rexistro da DOP. Entre elas o nivel de información e esixencia dos consumidores, que lles leva a preferir as opcións que achegan un valor engadido porque representan a máxima calidade. Mexillón de Galicia forma parte dese selecto club de marcas que acreditan a excelencia, unha característica no noso caso ligada á orixe e ao proceso de produción do mexillón, perfectamente regrado e controlado por técnicos da DOP.

As empresas percibiron esa demanda e propuxéronse satisfacela, de aí ese incremento nun ano no rexistro de marcas da DOP, que pasou de 52 a 73. Os operadores son conscientes de que Mexillón de Galicia é o selo que garante non só a máxima calidade de entre a oferta existente, senón que tamén achega o valor da exclusividade ao ser o único que pode acreditar con total garantía que o produto é cento por cento galego, evitando así mencións á orixe non avaladas pola DOP.

Igualmente perceptible é a evolución da calidade do produto. A excelencia é o selo de identidade de Mexillón de Galicia. E as estatísticas mostran que o rendemento medio alcanzado polo mexillón con DOP o ano pasado se situou no 21%. Sendo elevado, alcanzáronse máximos do 23 e 24% mensual, as medias máis altas desde que se teñen rexistros. Esa alza débese á riqueza das rías, así como ás boas prácticas e a mellora constante dos bateeiros nos seus métodos de produción.

A tendencia favorable coa que se pechou 2017 evidencia o adecuado rumbo marcado polo Consello Regulador da DOP, que fixo de Mexillón de Galicia unha marca atractiva, solvente e con capacidade para xerar valor engadido.

Certificación

Igualmente positivas foron as cifras de certificación, alcanzándose os 42.486.695 quilos, un 10% máis que en 2016. Este rexistro é o segundo máis importante do últimos sete anos, só superado polos 42.631.118 quilos de 2015. A parte principal desa cantidade corresponde ao mexillón para a industria transformadora con 36.758.489 quilos, un 13% máis que o ano precedente.

Pola súa banda, a certificación de produto fresco pechouse con 5.728.206 quilos, moi preto dos 6.194.216 quilos de 2016, un ano excepcional pola calidade do produto que chegou ao mercado. En canto aos controis en porto, primordiais para garantir a calidade e orixe do mexillón, realizáronse 14.063, dos que 5.730 foron exclusivamente de DOP.

Accións do Consello Regulador

Nesa consolidación de Mexillón de Galicia tiveron que ver varias accións do Consello Regulador, como a regularización de inscritos, encamiñada a incorporar á DOP novas empresas e produtores, o desenvolvemento dun novo Regulamento, e a modificación do Prego de Condicións (xa en funcionamento).